En Galicia, fálase de que existen preto dun millar de ensinantes de música e baile galego, máis son minoría os que desenvolven esta actividade como profesionais -case nulos fóra de entidades dependentes da administración-, con todo o que iso implica tanto a nivel legal, como na calidade do ensino.

Tocaebailaengalego somos Laura Fouz e Pablo Varela, que nun momento da nosa vida decidimos facer do ensino da cultura tradicional a nosa profesión, e así, fixémonos traballadores autónomos. Deste xeito, adicamos todo o noso tempo laboral (e non laboral) a actividades como programar e impartir aulas e cursos, escenografía de grupos, preparar material didáctico, etc etc.

Estamos pouco acostumados a “preguntar” á hora de organizar unha actividade deste tipo, así que, pola parte que nos toca, se queredes saber do noso traballo, invitámosvos a que resolvades as vosas dúbidas preguntando a través dos medios de contacto. De tódolos xeitos, a continuación deixámosvos uns pequenos apuntes de quen somos, explicado en datos.

Pablo Varela

Tiña a idade de 5 anos cando comecei a miña andaina no mundo da tradición galega. Ao longo da miña vida tiven o privilexio de poder formarme baixo a tutela dun considerable número de grandes mestres no campo de técnicas de música tradicional, didáctica, cultura tradicional e escenografía, con diferentes enfoques da cultura galega, e todos eles cunha visión didáctica aberta, renovada e estruturada, mais aló de nomes propios. Ademais, a maiores do aprendido nas asociacións e en cursos privados, complementei a miña formación tradicional con formación homologada como o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP, da USC) e outros cursos homologados de formación didáctica (máis de 1200 horas).

Así, traballei en diferentes campos da cultura galega, dende recopilación de información no ámbito tradicional, realización de traballos etnográficos, difusión da cultura tradicional como gaiteiro e percusionista  tradicional ou levar a dirección musical e/ou escenográfica dos grupos de diversas asociacións. Paralelamente, ao longo dos anos puiden colaborar e integrarme nunha morea de formacións musicais de todo tipo nas que compartín escenarios con outros músicos e mestres de ámbitos tan diferenciados como formación clásica, latina, flamenco, rock, jazz, e músicas tradicionais de outras culturas. Outra das actividades que compaxinei foi a de músico de estudio en diversos selos discográficos, faceta coa que acumulei máis de 450 gravacións para discos, televisión, bandas sonoras para cine e coleccións musicais entre outros. 

Como mestre, comecei no ano 95, dentro do equipo de profesores de María Castaña de Lugo, escola na que o longo dos anos puiden promover e participar de experiencias didácticas como a elaboración dun plan de estudos para gaita tradicional e a aplicación de tecnoloxías informáticas e internet ó ensino de música tradicional. Dende aquelas, levo impartidas 105 aulas permanentes (anuais) e 28 cursos en diferentes asociacións e escolas, como María Castaña, O Acibreiro, A Volta do Agro, Concello da Pastoriza, A Ruxideira, Legua Dereita, Veciños de Ulloa-Sambreixo, Abrente, Buxaina, Lugdunum, Trastiños de Castelo, ANPA Castroverde, O Noso Lar, Son de Lugh, etc

Laura Fouz

Comecei a bailar aos 10 anos na escola de O Corgo, e dende ahí pasei a formar parte das escolas de baile tradicional do colectivo María Castaña de Lugo no ano 1994, experiencia na que me namorei da cultura tradicional galega. Durante anos formei parte do grupo de baile tradicional deste colectivo, perfeccionando aspectos técnicos e escenográficos, complementando a miña formación con clases de etnografía, canto, pandeireta, tamboril e mesmo gaita galega.

No ano 1998 pasei a formar parte do equipo de profesores. Neste equipo completei a miña formación con diversos cursos encamiñados á preparación como mestra de baile, cursos que me permitirán traballar de xeito máis completo e integrador, facilitando a asimilación e relación dos contidos de cada curso. Ademais da formación tradicional realicei o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP, da USC) e outros cursos homologados de formación didáctica (36 cursos, 1170 horas), así como outros cursos orientados a escolas infantís e mesmo a pequenos con síndrome de Down.

Para min, o baile é unha forma natural de expresión, e a cultura tradicional galega está cargada de exemplos de bailaríns dotados dunha expresividade extraordinaria, en moitos casos moi propia de cada zona xeográfica. Por iso nas miñas clases o obxectivo primario é aprender a bailar e disfrutar do baile, procurando sempre plasmar o xeito tradicional, salientando as características máis visibles e diferenciadoras de cada zona, e adaptadas a cada nivel de idade.

Levo impartidas 50 aulas permanentes (anuais) e 10 cursos en diferentes asociacións e escolas como María Castaña de Lugo, A Legua Dereita do Corgo, Abrente das Nogais, A Ruxideira, Son de Lugh, Arumes, ANPA Friol, ANPA Castroverde, Son da Aldea de Guitiriz, ademais de colaborar nos cursos sociais que se ofrecen nos centros municipais do concello de Lugo e nos cursos de verán para a formación do profesorado na USC.